29 sept 2010

¿A fin do verán 2010?

Como sabedes, realmente o verán rematou fai xa uns días. Non obstante, estabamos a desfrutar dunhas temperaturas aínda estivais que outorgaron unha prórroga á sensación de verán que tiñamos.

Hoxe é 29 de setembro, día de folga xeral en España, e semella que o sol se quixera sumar ao parón, abandonando o seu traballo no ceo. Temos nubes no seu lugar. ¿Viñeron para quedar, ou marcharán e deixaránnos gozar dun San Froilán sen choivas?

Polo de pronto, hoxe gañan as precipitacións...



Aínda que na foto non se aprecia ben, chove moderadamente. Os hortos do Rato están ao fondo, mentras que en primeiro plano, uns aguerridos atletas corren a pesar das inclemencias meteorolóxicas.


27 sept 2010

Éxito na festa da flor e degustación 2010

Como comentábamos na entrada anterior, o xoves 16 de setembro tivo lugar a xa tradicional festa da flor, conxuntamente cunha degustación gastronómica dalgúns dos produtos que podedes cultivar nos hortos do Rato.

Ímosvos a contar como foi a xornada:

Antes da 17,00 horas, o momento de comenzo das actividades, todo estaba xa preparado: Instalouse unha carpa para protección ante posibles inclemencias climáticas, baixo as cales se colocaron as flores e plantas que se ían a repartir aos asistentes:



Últimos preparativos: os xornalistas preparan as cámaras, a xente empeza a colocarse en rigleira, chamadas de última hora....

Na parede posterior da caseta próxima á carpa dispúxose unha exposición fotográfica coas especies cultivadas nos hortos:



Exposición fotográfica na caseta

Á hora programada, a Vicepresidenta da Excma. Deputación Provincial de Lugo, Lara Mándaz, dirixiu unhas palabras aos numerosos asistentes:



No centro da fotografía, Lara Méndez (vicepresidenta da Excma. Deputación Provincial de Lugo) e Jesús Vázquez (presidente da Federación de AAVV de Lugo)

Formouse entón unha ringleira de xente que, ordenadamente, recollía de mans da representante da Deputación de Lugo unha planta e unha flor:




A rigleira de xente comenzaba desde bastante lonxe á carpa....



... continuaba por detrás da caseta....




...ata rodear por detrás da carpa!

Unha vez recollían os vexetais, a xente era agasallada na caseta cun plato que contiña productos da horta: pepinillos, cabacín, leituga, tomate, tortilla; así como un vasiño de gazpacho natural.



O refrixerio repartíase pola fiestra traseira da caseta

En definitiva, unha xornada festiva na que 400 persoas recibiron puideron coñecer un pouco máis dos hortos do Rato, ao tempo que eran agasalladas con vexetais para consumir e para ornamentar.




7 sept 2010

Festa da flor e degustación 2010

O día 16 de setembro de 2010, a partir das 17,00 horas, terá lugar na caseta de madeira que temos instalada preto do recinto con aves que a Deputación ten no parque do Rato, a tradicional degustación anual de productos da horta e festa da flor. Estades todos convidados!

2 ago 2010

Unha nogueira nos hortos do rato

Estamos a pasar uns días de intenso calor, e de intensa actividade nos hortos. Sodes moitos os que, desafiando a un sol abrasador, acudides a cotío a regar e cuidar das vosas hortalizas:



Hoxe quería falarvos sobre un arboriño que nos acompaña nesta aventura que son os hortos urbanos do rato dende case o seu necemento: trátase dunha nogueira que foi prantada ao pouco de comenzar a nosa andaina. Atópase entre as dúas zonas de hortos que todos coñecedes:




Trástase como podedes ver dun arboriño insifnificante, dunha prantiña pequena e discreta. Conta apenas con pouco máis de 4 anos de vida.

Pero aínda que é moi pouca cousa, este exemplar de Juglans regia, que é o nome científico da nogueira, significa moito para os que traballamos neste fermoso proxecto de dinamización das áreas verdes da cidade. É un ser vivo que pouco a pouco, dun xeito fráxil e sen facer ruido, foi medrando, sen presa pero sen pausa. Amodiño, amodiño, dentro duns anos se todo sae ben, será unha árbore grande e maxestuosa (¿porque pensades que o nome científico é "regia"?), dun porte magnífico como debe ser toda nogueira.

Pois de xeito análogo, este proxecto verde que nos ocupa foi medrando pouco a pouco. Ao principio eran mou poucos lucenses os que acodían aos hortos do Rato. A día de hoxe, son moitas decenas de persoan as que cultivan de xeito tradicional as súas hortalizas nos terreos de Ponte Romai e doi Rato. Desexamos que dentro de moitos, moitos anos, unha nogueira grande e forte cobixe coa sombra a un grupo grande e forte de entusiastas dos hortos tradicionais do Rato.

29 jun 2010

Os hortos de Ponte Romai

A cotío falamos neste blog dos hortos do Rato, que son aqueles que están ubicados no parque periurbano do Río Rato, e que seguro que todos vos coñecedes. Pero esta non é o único horto urbano a Federación xestiona, a través da Deputación de Lugo e Suplusa.

Máis próximo á cidade de Lugo, se cabe, atópanse as parcelas de Ponte Romai. Cando nos achegamos a elas, tal vez a primeira vista tal vez teñan un corte menos rústico que as parcelas do Rato, e así, podemos ver unhas belidas roseiras. Pero non vos enganedes: tamén atoparedes cultivos máis tradicionalmente hortícolas, como unhas estupendas leitugas!

Non podemos deixar de animarvos a que visitedes esta zona verde da cidade, cuxa ubicación podedes atopar seguindo o enlace da dereita desta mesma páxina.



Vista xeral dos hortos de Ponte Romai



Rosas na zona de acceso aos hortos




Cultivos nos hortos de Ponte Romai




Unha leituga de Ponte Romai

21 jun 2010

Sinalizando as parcelas de xeito sostible

Recentemente estamos a realizar labores de sinalización dos límites entre as distintas parcelas do Rato, cunhas estaquiñas que esperamos que sexan máis visible e máis resistentes que as que figuraban anteriormente:




Na imaxe superior podedes ver algúnhs estacas xa colocadas. ¿E que teñen de interesante estas estacas? Pois que se vos fixades nelas, veredes que levan a seguinte etiqueta:



Estas etiquetas levan, ademais dun código de barras, a indicación "FSC". E estas tres siglas son moi importantes cando falamos de produtos de madeira, como o son as estacas das que estamos a falar, así que ímonos a deter en explicar un pouquiño que significan.

"FSC" son as siglas de "Forest Stewardship Council", que significa algo así como "Consello de Administración Forestal". A grandes rasgos é un organismo que se encarga de facer auditorías a empresas que traballan no sector forestal e que emite o selo "FSC" a aquelas empresas que fabrican os seus produtos de xeito "sostible". ¿Que significa isto? Pois básicamente significa que as súas prácticas forestais non supoñen un deterioro dos recursos naturais do planeta, nin do ecosistema. Para conseguir eso, débense cumprir unha serie de principios ecolóxicos, máis ou menos complexos, pero que podemos simplificar moito se pensamos pero o fundamental é que se cortamos unha árbore, debemos plantar outra a cambio. Debemos pensar que talar unha árbore non é necesariamente malo, sempre e cando vaimos repoñendo o que cortamos.

Tedes máis información nestas páxinas:

http://www.fsc-spain.org/

http://www.fsc.org/

14 jun 2010

Día adicado aos nenos (2)

O venres 11, tal e como estaba previsto, celebrouse o "Día adicado aos nenos" no horto do Rato. Pretendíase que fose unha xornada de portas abertas, no que os nenos visitasen os hortos, recibisen unha pequena charla acerca das actividades que se fan neles, e tamén xogasen e merendasen. Lamentablemente, as condicións meteorolóxicas non foron as mellores (lembraredes a tremenda cantidade de auga que caeu en Galicia a semana pasada), e non se puideron celebrar todas as actividades previstas. Aínda así, case 20 pequenos valentes acoderon ao Rato nunha tarde fría e húmida. A crónica da xornada é a que segue:

As actividades tiveron lugar baixo unha carpa que se instalou a carón da caseta de madeira do paseo, non puideron ser a carón dos hortos como era desexo da organización. Os nenos, con moita enerxía que queimar, comenzaron por un improvisado xogo do pano:


A actividade central da tarde foi, sen dúbida, o campionato de tiragomas. A continuación amosámosvos algunhas imaxes do evento:









Despois de tanta actividade era necesario repoñer forzas: na caseta estaba xa preparada a merenda saúdable con cereixas, kiwis e fresas da que os rapaces deron boa conta....





E para rematar a xornada, fíxose entrega dos premios aos gañadores do campionato de tiragomas:



- Campeón en categoría masculina: Nicolás Quiroga



- Campiona en categoría feminina: Mónica Cancio



- Subcampeón categoría masculina: David López



Ademáis, houbo diploma e agasallo para tódolos participantes. En definitiva, unha xornada didáctico-lúdica que, ainda que se viu un pouco deslucida pola choiva, foi moi gratificante para tódolos participantes.