29 jun 2010

Os hortos de Ponte Romai

A cotío falamos neste blog dos hortos do Rato, que son aqueles que están ubicados no parque periurbano do Río Rato, e que seguro que todos vos coñecedes. Pero esta non é o único horto urbano a Federación xestiona, a través da Deputación de Lugo e Suplusa.

Máis próximo á cidade de Lugo, se cabe, atópanse as parcelas de Ponte Romai. Cando nos achegamos a elas, tal vez a primeira vista tal vez teñan un corte menos rústico que as parcelas do Rato, e así, podemos ver unhas belidas roseiras. Pero non vos enganedes: tamén atoparedes cultivos máis tradicionalmente hortícolas, como unhas estupendas leitugas!

Non podemos deixar de animarvos a que visitedes esta zona verde da cidade, cuxa ubicación podedes atopar seguindo o enlace da dereita desta mesma páxina.



Vista xeral dos hortos de Ponte Romai



Rosas na zona de acceso aos hortos




Cultivos nos hortos de Ponte Romai




Unha leituga de Ponte Romai

21 jun 2010

Sinalizando as parcelas de xeito sostible

Recentemente estamos a realizar labores de sinalización dos límites entre as distintas parcelas do Rato, cunhas estaquiñas que esperamos que sexan máis visible e máis resistentes que as que figuraban anteriormente:




Na imaxe superior podedes ver algúnhs estacas xa colocadas. ¿E que teñen de interesante estas estacas? Pois que se vos fixades nelas, veredes que levan a seguinte etiqueta:



Estas etiquetas levan, ademais dun código de barras, a indicación "FSC". E estas tres siglas son moi importantes cando falamos de produtos de madeira, como o son as estacas das que estamos a falar, así que ímonos a deter en explicar un pouquiño que significan.

"FSC" son as siglas de "Forest Stewardship Council", que significa algo así como "Consello de Administración Forestal". A grandes rasgos é un organismo que se encarga de facer auditorías a empresas que traballan no sector forestal e que emite o selo "FSC" a aquelas empresas que fabrican os seus produtos de xeito "sostible". ¿Que significa isto? Pois básicamente significa que as súas prácticas forestais non supoñen un deterioro dos recursos naturais do planeta, nin do ecosistema. Para conseguir eso, débense cumprir unha serie de principios ecolóxicos, máis ou menos complexos, pero que podemos simplificar moito se pensamos pero o fundamental é que se cortamos unha árbore, debemos plantar outra a cambio. Debemos pensar que talar unha árbore non é necesariamente malo, sempre e cando vaimos repoñendo o que cortamos.

Tedes máis información nestas páxinas:

http://www.fsc-spain.org/

http://www.fsc.org/

14 jun 2010

Día adicado aos nenos (2)

O venres 11, tal e como estaba previsto, celebrouse o "Día adicado aos nenos" no horto do Rato. Pretendíase que fose unha xornada de portas abertas, no que os nenos visitasen os hortos, recibisen unha pequena charla acerca das actividades que se fan neles, e tamén xogasen e merendasen. Lamentablemente, as condicións meteorolóxicas non foron as mellores (lembraredes a tremenda cantidade de auga que caeu en Galicia a semana pasada), e non se puideron celebrar todas as actividades previstas. Aínda así, case 20 pequenos valentes acoderon ao Rato nunha tarde fría e húmida. A crónica da xornada é a que segue:

As actividades tiveron lugar baixo unha carpa que se instalou a carón da caseta de madeira do paseo, non puideron ser a carón dos hortos como era desexo da organización. Os nenos, con moita enerxía que queimar, comenzaron por un improvisado xogo do pano:


A actividade central da tarde foi, sen dúbida, o campionato de tiragomas. A continuación amosámosvos algunhas imaxes do evento:









Despois de tanta actividade era necesario repoñer forzas: na caseta estaba xa preparada a merenda saúdable con cereixas, kiwis e fresas da que os rapaces deron boa conta....





E para rematar a xornada, fíxose entrega dos premios aos gañadores do campionato de tiragomas:



- Campeón en categoría masculina: Nicolás Quiroga



- Campiona en categoría feminina: Mónica Cancio



- Subcampeón categoría masculina: David López



Ademáis, houbo diploma e agasallo para tódolos participantes. En definitiva, unha xornada didáctico-lúdica que, ainda que se viu un pouco deslucida pola choiva, foi moi gratificante para tódolos participantes.

2 jun 2010

Día adicado aos nenos

A Federación de AAVV, xunto con Suplusa, a Excma. Deputación de Lugo e o Concello de Lugo, organizan unha xornada dedicada aos nenos nos hortos do Rato.

Buscamos que nesta xornada os nenos aprendan e se divirtan. Para eso, están programadas as seguintes actividades, todas elas o venres día 11 de xuño pola tarde:

- 17,00 horas: reunión dos rapaces, xunto cos seus acompañantes, nas proximidades do centro de hostalería "Terras do Miño" do parque do río Rato

- 17,15 horas: partimos cara os hortos tradicionais do Rato. Alí, os nenos recibirán unha pequena charla acerca de como funciona a nivel agrobiolóxico un horto.

- 18,00 horas: xogos populares. É hora de divertirse xuntos, polo que se lles proporá aos cativos a realización de xogos tradicionais, como o tiragomas e outros semellantes

- 19,00 horas: merenda saudable. Despois de tanto esforzo, toca repoñer forzas. Daréselles aos nenos unha pequena merenda.

Por suposto, estades invitados todos os que o desexedes a esta actividade que será totalmente gratuita.

1 jun 2010

Curso realizado de "Calendario de cultivos"

Como sabedes, o ritmo estacional do ano condiciona os cultivos hortícolas. Por iso as tempadas invernais son boas para realizar actividades complementarias ao cultivo do horto, como por exemplo realizar actividades formativas nas que todos e todas aprendamos diversas cuestións de ídole medioambiental que nos axuden a tirar máis proveito das nosas parcelas, ou en xeral a saber máis do contorno no que vivimos.

É por todo isto que, como sabedes, a Federación organiza periódicamente cursos e actividades formativas, dirixidas principalmente aos usuarios do hortos tradicionais que xestiona, pero abertas aos veciños en xeral con inquedanzas medioambientais. O último curso impartido abordaba o calendario de cultivos para as especies máis habituais nos nosos hortos, dende o tomate ata a leituga, sen descuidar as técnicas axeitadas de plantación e de cuidado das distintas especies.

O curso foi impartido por profesores do Departamento de Produción Vextal da Universidade de Santiago de Compostela, e tivo lugar nos locais socias da Federación.

A través deste blog informaremos das próximas actividades formativas que a Federación organice.